Skip to main content

A Xunta xa executou o 100% dos fondos europeos do Plan nacional Xacobeo para o impulso de proxectos tractores no Camiño

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a Xunta “xa executou o 100% dos fondos europeos” recibidos para “promover proxectos estratéxicos para o turismo vencellados ao Camiño de Santiago” no marco do Plan nacional de sustentabilidade turística en destinos Xacobeo 2021. Un programa dotado de preto de 8,3 millóns de euros e que se inclúe no Plan Xacobeo NextGeneration deseñado polo Executivo autonómico.

En concreto, o Plan nacional incluía o deseño por parte da Comunidade autónoma de proxectos tractores para o turismo, para o que a Xunta elaborou unha liña de axudas que impulsasen a posta en valor de elementos patrimoniais senlleiros vinculados ao Camiño de Santiago para dotalos de usos turísticos. Esta convocatoria está resolta e permitirá axudar “á posta en marcha dun hotel e dun espazo de restauración no Mosteiro de Oia, tamén nos faros grande e pequeno de Cabo Silleiro e da rehabilitación dun edificio na cidade de Vigo para impulsar os seus usos turísticos”.

Ao abeiro destes fondos, tamén está en execución “a sinalización da ruta ciclista Eurovelo 1, no seu trazado de Tui a Cee”, cun orzamento de máis de 1 M€ e tamén está adxudicado e a piques de entregarse “o proxecto de dixitalización de distintos itinerarios do Camiño de Santiago en Galicia”, así como a creación dun sistema de xestión que permita o seu mantemento, cun orzamento de máis de 800.000 €.

Do mesmo xeito, para impulsar e “mellorar os servizos na Ruta Traslatio”, tamén están en execución as obras coa previsión do remate no mes de decembro para “a mellora dos clubs náuticos de Sanxenxo, O Grove, Vilanova de Arousa, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo”. O último proxecto deste plan nacional é o que supón “a creación dun centro de atención a peregrinos náuticos en Vilagarcía de Arousa”, cuxa adxudicación está prevista neste mes.

Estas medidas, das cales se informou hoxe no Consello da Xunta, enmárcanse no plan autonómico máis amplo denominado Xacobeo NextGeneration, para realizar actuacións vinculadas co Camiño de Santiago. Conta cun investimento global de preto de 40 M€ e inclúe tamén a rehabilitación de 12 bens de interese cultural no Camiño coa intención de seguir diversificando e mellorando os servizos dos itinerarios xacobeos nun momento en que a chegada de peregrinos está a evolucionar a moi bo ritmo, cun crecemento do 16%.
R.