Skip to main content

O stand de Galicia consolídase en Fitur como un referente para o sector turístico e acada récords de asistencia

O stand de Galicia acolleu arredor de 54 presentacións de recursos, produtos e novidades de concellos, deputacións, xeodestinos, ademais de presentacións gastronómicas e deportivas, entre moitas outras. O Goberno galego mantivo o mesmo stand de máis de 1.000 metros cadrados do pasado ano co obxecto de optimizar o gasto. O espazo expositivo estaba concibido como un conxunto escenográfico que transmitía a Galicia como destino turístico sostible e de calidade, consolidándose como un punto de encontro e de referencia para o sector turístico galego

Nesta edición, o eixe central do espazo expositivo foi a enogastronomía galega como un dos maiores escaparates de promoción turística a nivel internacional. Galicia amosou o mellor do seu territorio ben a través do Camiño de Santiago, ben a través da gastronomía, dos recunchos, das augas termais, do ecoturismo, da natureza, e das festas de interese turístico nacional e internacional. Tamén a través das rías, os clubs náuticos, as praias, as súas augas tanto no mar como nos seus ríos.

Proba do gran éxito de afluencia ao stand galego foi que os preto de 250.000 folletos cos que contaba esgotáronse durante a fin de semana. O mesmo ocorreu nos espazos de degustación onde se ofreceron catas e showcookings que rexistraron cheos totais de público.

Encontros profesionais

O espazo de negocios xestionado polo Clúster de Turismo de Galicia xestionou durante os tres días destinados exclusivamente a profesionais 400 reunións nas que participaron máis de 1.000 profesionais do sector. Unhas cifras que reflicten o auxe do turismo e as boas perspectivas para 2023.
Irlanda, O Reino Unido, O Brasil e Os Estados Unidos foron os principais países que se interesaron polo destino Galicia, cun repunte do interese do público latinoamericano que desexa vir á nosa comunidade.

Ademais, rexistrouse unha especial demanda de información para adherirse ao programa 'Galicia Destino Sostible', posto en marcha este ano polo Clúster e a Xunta e e incrementouse tamén o interese polo sector MICE que apunta a unha recuperación do sector de congresos.
R.