Skip to main content

O novo ciclo ‘Sinsal Museo do Mar’ organiza en Vigo tres xornadas de concertos

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou as localizacións dos concertos que terán lugar na fin de semana do 20 e 21 de novembro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, como peche do novo ciclo Sinsal Museo do Mar. O programa, que arranca este mesmo sábado 13 coa actuación da cantante Luísa Sobral no Teatro Afundación, é unha das 17 propostas subvencionadas este ano pola Xunta a través da convocatoria extraordinaria para espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O co-director de Sinsalaudio, Luis Campos, acompañou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no percorrido polas instalacións do Museo do Mar. Nelas terán lugar os directos de Nico Casal, Marco Maril, Verde Prato, rebe, Nacho.Faia.Lar e Adrian Timms.

A primeira edición de Sinsal Museo do Mar ofrecerá, pois, tres xornadas de música que xuntarán tradición e vangarda, comezando polas sonoridades do jazz, do folk ou do indie que transita Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables de Portugal. As entradas para o seu concerto deste sábado aínda poden adquirise a través da web www.ataquilla.com.

Dous escenarios no recinto museístico

En canto aos concertos da vindeira semana, o recinto museístico contará con dous escenarios situados nas salas Curiosidades científicas e Lonxa. Na primeira delas, terán lugar na tarde do sábado 20 os acústicos do compositor e produtor británico, residente en Vigo, Adrian Timms e mais de Rebe, unha das revelacións da escena musical española.

Esa mesma tarde, a sala Lonxa acollerá os concertos do músico e artista sonoro Marco Maril, que presentará por primeira vez en Vigo o seu último disco, 15.11.18, inspirado precisamente no Museo do Mar; de Verde Prato, unha das máximas expoñentes da reformulación electrónica da tradición musical vasca, e de Nacho·Faia·Lar, o novo proxecto dos recoñecidos músicos Nacho Muñoz, Faia e Lar Legido.

Neste mesmo espazo, terá lugar a primeira actuación en Vigo do pianista e compositor galego de bandas sonoras Nico Casal, programada para as 13,00 h. do domingo 21. A venda de entradas para todas as citas no Museo do Mar xa está activa en enterticket.es.

A achega económica da Xunta para o nacemento desta iniciativa materialízase na axuda que recibe Sinsalaudio como adxudicataria da liña de subvencións a espectáculos musicais do Xacobeo 21-22. A finalidade desta convocatoria extraordinaria é contribuír á recuperación económica das promotoras independentes fronte ao impacto da crise sanitaria, de xeito que a través dela se distribúen 850.000 euros entre ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como do panorama nacional e internacional.
R.