Skip to main content

Mondoñedo celebrará en verán o festival Mindomúsica para achegar a música clásica ao gran público

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación do festival MindoMúsica que se celebrará do 28 de xuño ao 4 de xullo en distintos emprazamentos de Mondoñedo. Na programación inclúese desde a Catedral ata varias parroquias, con concertos en pequeno e medio formato que incluirán encontros de músicos coa veciñanza nos locais sociais coa intención de achegar a música clásica a todos os públicos.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, “trátase dunha iniciativa que demostra a importancia de facer extensiva a cultura en todas as súas vertentes a todos os públicos, na liña na que a Xunta está a traballar”. Neste sentido, recordou que este ano se realiza unha importante aposta por promover e divulgar de xeito especial este xénero musical a través de apoios a diferentes entidades de música clásica galega para promover concertos, xiras e incentivar a composición deste xénero musical.

Felicitou, ademais, aos impulsores do Festival Mindomúsica por poñer en marcha esta iniciativa que encherá de oferta cultural o verán galego, que se sumará ás máis de 3.000 actividades que a Xunta de Galicia impulsa durante estes meses para continuar reactivando o sector cultural. O Festival incluirá concertos na Catedral, no Auditorio Municipal Pascual Veiga e no Centro Cultural da Alcántara de Mondoñedo e percorrerá tamén as parroquias do concello con concertos en pequeno formato. Ademais, están previstos encontros dos músicos coa veciñanza nos locais sociais a cargo dunha pequena formación. A intención é conectar a música coa xente do rural, achegando a cultura a todos os públicos coa idea de involucralos e crear novos amantes deste xénero musical.

MindoMúsica aposta tamén pola revalorización dos músicos mindonienses e pola promoción da riqueza histórico-cultural. Por iso, completarase coa organización dunhas xornadas en torno á figura de Pacheco e a súa obra coa participación de importantes musicólogos da Universidade de Santiago, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidad de La Rioja, entre outras. Haberá tamén xornadas gastronómicas e enolóxicas coa colaboración dos hosteleiros de Mondoñedo para a promoción de produtos locais.
R.