Skip to main content

O stand de Galicia rexistra o maior número de actividades en Fitur e esperta o interese dos operadores presentes na feira

Nese sentido, Alfonso Rueda manifestouse satisfeito polo recoñecemento do traballo previo feito en Galicia, co seguro coronavirus ou campañas de dinamización como o bono turístico. “Acertamos con esa formulación e con ese traballo previo -asegurou o vicepresidente-. As axencias e os operadores dixéronos que este era o camiño”.

O responsable de Turismo na Xunta subliñou que a actividade no stand galego demostraba que, tralos meses duros da pandemia, o sector atopábase agora no seu “rexurdimento” e que, tal e como se calculaba desde a Xunta, o verán poderá ser moi bo para Galicia se a situación sanitaria o permite, sobre todo co pulo do dobre Ano Santo: “Temos moitos meses de Xacobeo por diante e iso vai ser moi positivo para Galicia”.

Desde o mércores 19 ata hoxe, no escaparate que Galicia levou a Fitur desenvolvéronse moitos contactos entre profesionais co obxectivo de pechar reservas en Galicia de cara ao verán. A oferta galega espertou sobre todo o interese de operadores de países europeos, como Francia, e americanos, como México ou Venezuela, pero tamén de Rusia ou China, o que favorecerá a recuperación do turismo internacional.

Na 41º Feira Internacional de Turismo no recinto feiral Juan Carlos I de Madrid, a Xunta participa cun stand de mil metros cadrados dividido en dez espazos expositivos dedicados a diferentes produtos e destinos turísticos. A área de Galicia na feira complétase con obradoiros de artesanía en vivo, actuacións musicais e un espazo de degustación atendido polos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

A feira continuará aberta ata o domingo para o público en xeral, e no stand de Galicia, ademais da oferta turística despregada, haberá actuacións do DJ Mil, que mestura música electrónica e temas galegos, e de Najla Shami, compositora e cantante de nai galega que ofrecerá o seu repertorio de temas en galego.

Nese gran escaparate do turismo, Galicia reforza a súa imaxe como destino seguro, con iniciativas como o seguro coronavirus que, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, ten como obxectivo que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico, por iso a súa posta en marcha supón unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, o Goberno galego ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.
R.