O Comité Europeo das Rexións debate sobre a recuperación do turismo, a hostalería e a restauración, coa participación de Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/hostaleria-02.jpg)
Pola súa parte, os membros do CdR avogaron por un novo Marco Europeo de Turismo Sustentable, aliñado co Pacto Verde e a Axenda 2030 das Nacións Unidas, que teña en conta as estratexias rexionais pertinentes e que inclúa un plan para a redución da burocracia na lexislación comunitaria que afecta a este sector. O CdR propón, ademais, impulsar a marca de turismo europeo para manter e seguir impulsando o liderado europeo no eido internacional, dado que a UE xa acapara o 40% das visitas turísticas.
O CdR adoptou unha resolución sobre a libre circulación durante a pandemia na que acolle favorablemente a proposta de certificados interoperables non só de vacinación, senón tamén de probas diagnósticas e de recuperación da COVID-19. O CdR suxire tamén que se modifique o artigo 1 da proposta de Regulamento para aclarar que o certificado verde dixital non afectaría ao dereito dos traballadores transfronteirizos a desprazarse liremente entre o seu fogar e o seu lugar de traballo durante a pandemia.
Compromiso das rexións cos novos obxectivos europeos en materia de emprego e inclusión social
Neste pleno, o CdR aprobou 13 ditames de opinión sobre diferentes políticas da UE que están sobre a mesa. Entre eles, o relativo ao novo plan de acción do chamado “piar europeo de dereitos sociais”, ao que Galicia propuxo dúas emendas. Precisamente hoxe, a Presidencia portuguesa da UE celebra un Cumio Social en Oporto no que os líderes europeos van subscribir este plan de acción que traslada a medidas concretas o compromiso adquirido en 2017 para mellorar os sistemas nacionais de protección social e os mercados laborais. O novo plan actualiza os obxectivos europeos en materia de emprego e inclusión de cara o ano 2030: un 78% de taxa de emprego, a participación do 60% dos adultos en actividades de formación e a diminución do número de persoas en risco de pobreza ou exclusión en polo menos 15 millóns.
R.