Skip to main content

A mostra 'Arquitectura da auga' destaca o peso do Camiño como eixe vertebrador do territorio na contorna de Santiago



A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da mostra Arquitectura da auga. Territorio, imaxe e pensamento, na que se recollen as conclusión dun traballo de investigación e de fotografía no que se analizou a arquitectura da auga presente no Camiño de Santiago en cinco pequenos núcleos situados na contorna da capital galega.

A mostra, que permanecerá na Fundación DIDAC de Santiago ata finais do mes de abril, descobre o potencial cultural e o peso de elementos arquitectónicos modestos (fontes, lavadoiros...) que dan sentido ao territorio a través do estudo de cinco enclaves: O Amenal (Francés); Rubial (Vía da Prata), Rúa de Francos (Portugués); Augapesada (Fisterra) e Marantes (Inglés). O traballo estivo impulsado pola arquitecta Elisa Gallego e o fotógrafo Julián Barón, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e o Grupo Cidade e Territorio, ambos da Universidade da Coruña.

O proxecto conta cunha axuda de 14.462,81 euros por parte da Xunta de Galicia ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, co que se busca impulsar un Xacobeo espallado e integrador, que permita desenvolver unha ampla diversidade de iniciativas que integren á sociedade galega no fenómeno xacobeo.

Nesta edición de O Teu Xacobeo desenvolveranse un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo. Conta cun investimento de case 3,3 millóns de euros que suporán unha mobilización de recursos de máis de 5,8 millóns.
R.