Skip to main content

Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León abordan proxectos conxuntos para o impulso da Vía da Prata

Castro destacou tamén a boa sintonía coa que se está a desenvolver o proxecto conxunto iniciado o ano pasado con estes territorios, Camino de la Plata, que supuxo un investimento conxunto de algo máis de 70.000 euros en 2020 e ao que se lle quere dar continuidade ao longo de toda a celebración do Xacobeo.

“Estamos diante dunha celebración cun excepcional interese que será o motor de reactivación económica do turismo e a economía non só galega, se non que tamén beneficiará ao resto das comunidades polas que pasa o Camiño”, destacou Castro.

Na xuntanza tamén participaron a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira; o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa; a directora xeral de Turismo de Castela e León, Estrella Torrecilla; o director xeral de Turismo de Estremadura, Francisco Martíns, e o comisionado para a concordia da Junta de Andalucía, Javier Arroyo.

Impulso á Vía da Prata

O proxecto supra autonómico Camino de la Plata naceu a mediados do ano pasado co obxectivo de impulsar a Vía da Prata como opción preferente para os peregrinos que desexen facer o Camiño, buscando reposicionar este itinerario no imaxinario do camiñante a través da posta en valor da súa riqueza cultural, patrimonial e artística.

No marco do proxecto creouse a marca, web e redes sociais asociadas así como unha rede dos denominados “centinelas” do Camiño, construíndo unha ventá dixital coa que promover esta ruta cultural, espertar o interese pola celebración do Xacobeo e poñer en valor a importancia do Camiño na vertebración de moitos dos pequenos territorios polos que pasa esta vía, que contribúe a xerar economía e fixar poboación no rural.

No encontro fíxose un balance positivo destes primeiros meses de funcionamento do proxecto durante os que se elaborou material de promoción, celebráronse eventos virtuais e concursos en redes socias, ademais de captar a algo máis de medio cento de centinelas, nove deles en Galicia.

Novas propostas

Ademais dar darlle continuidade ao Camino de la Plata captando novas colaboracións e amplificando o seu impacto noutros foros e entidades vencelladas co Camiño, os participantes no proxecto puxeron sobre a mesa novas propostas de colaboración valorando a Vía da Prata como “un gran vehículo que vertebra o territorio e como unha fonte inagotable de oportunidades de medrar, contribuíndo ao desenvolvemento dos territorios polos que atravesa”.

Pola parte de Galicia, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, propuxo a posibilidade de situar mouteiras en puntos significativos do itinerario da Vía da Prata, co obxectivo de destacar o peso histórico e cultural que tivo e ten o Camiño de Santiago nestes territorios ao longo da historia.

Elixido por peregrinos expertos

A Vía da Prata atravesa 9 provincias e máis dun cento de municipios ao longo de Andalucía, Estremadura e Castela e León. En 2019 foi o Camiño escollido por 9.201 peregrinos que recolleron a súa Compostela, o sétimo por peso. É un camiño escollido habitualmente por peregrinos veteranos, moitos deles de procedencia europea, ademais de ser un camiño ideal para a peregrinación a cabalo ou en bicicleta.
R.