Skip to main content

Reservarase alomenos un hotel en cada cidade para acoller ao persoal sanitario

Estas prazas hostaleiras diríxense a persoal sanitario ou de residencias, forzas e corpos de seguridade e outros profesionais cuxo labor é fundamental no Estado de Alarma, e que precisan desta solución “ben porque viven lonxe, ou ben porque simplemente queren protexer ao máximo á súa familia e prefiren pernoctar fóra”. As prazas tamén están destinadas a persoas doutros colectivos vulnerables como persoas en fogar, en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero.

Polo tanto, as prazas están dispoñibles para persoal dependente de calquera administración. De feito, no CECOP de hoxe afondouse na coordinación coa Delegación de Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para prestar servizo de forma eficiente ao persoal que depende deles: principalmente, forzas e corpos de seguridade do Estado e persoal dos servizos sociais dos concellos.

Esta medida é froito dun traballo continuo no tempo por parte da Xunta, da man do sector turístico. Cómpre facer fincapé en que todos os establecementos que están prestando servizo -máis de 100- fanno de xeito voluntario, un compromiso que o vicepresidente da Xunta agradeceu.

Nova plataforma loxística para o reparto de material aos concellos

Outro dos principais asuntos da xuntanza do Cecop foi o reparto de material de protección aos concellos, un asunto de importancia tendo en conta, ademais, que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) está presente nesta Comisión.

A distribución de material comezou a semana pasada, e a partir de hoxe implántase un novo sistema de distribución, xa que o reparto pasará a realizarse a través dunha plataforma loxística, que evitará os desprazamentos de cada concello. Cos novos lotes de materiais que se entregarán esta semana e os que se entregaron a semana pasada, o total distribuído a case a totalidade dos concellos sumará 122.000 mascarillas, 25.000 traxes e 350.000 luvas.

O vicepresidente da Xunta destacou que, aínda que hai que ser conscientes de que as prioridades son os hospitais e os servizos sanitarios, é importante tamén dotar aos concellos porque “desenvolven servizos importantes, necesitan deste material e a día de hoxe o único material que está recibindo é o que lles está aportando a Xunta de Galicia”.

Comité de fabricación de equipamento sanitario

Tal e como se adiantara, o Cecop tamén aprobou a posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario, que se encargará de coordinar a posta a disposición da Comunidade galega de equipos de protección individual (EPI), principalmente máscaras, batas ou luvas. Entre outros asuntos, encargarase de identificar os estándares de calidade; promover reorientacións industriais e autorizar a fabricación.

Ademais, este novo comité creará unha plataforma que coordinará a demanda de equipos de protección e a oferta do tecido empresarial galego. Con ela, a Xunta automatizará a xestión dos recursos materiais de xeito sistemático e coa garantía de que as propostas achegadas polas empresas teñan a calidade esixida. Ademais, a Xunta prevé activar proximamente unha liña de axudas ao investimento para facilitar que as empresas leven a cabo as transformacións necesarias para abordar a fabricación inmediata de material de protección.

Beneficios ao alugueiro

Ademais, acordouse ampliar as medidas que xa tiña implantadas o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) respecto aos alugueiros, que agora se estenden tamén aos contratos que ten activos Xestur Galicia.

Así, a Xunta detén o cobro da renda ou canon de alugueiros ou dereitos de superficie de 15 parcelas en polígonos empresariais, titularidade de Xestur Galicia, correspondentes ao mes de abril de 2020. O importe das rendas e canon ascende a case os 10.000 euros. Asemade, suspéndense o cobro dos recibos de alugamento das vivendas de Xestur correspondentes ao mes de abril de 2020. Esta decisión será comunicada telefonicamente aos 64 adxudicatarios, co fin de axudar ás familias galegas a paliar as consecuencias derivadas do Estado de alarma provocado polo coronavirus (Covid-19).

Por último, o Cecop tamén concretou as funcións do persoal do servizo de incendios ante a crise do coronavirus, que xa veñen traballando nos últimos días en labores de desinfección. Así, concretouse que se encargarán da desinfección dos centros de servizos sociais de carácter residencial e de centros de saúde dos concellos de menos de 5.000 habitantes.
R.