Skip to main content

Galicia foi a comunidade na que máis medrou a demanda hoteleira e a cifra de viaxeiros no mes de setembro

Segundo os datos do INE, o turismo galego mantén o comportamento positivo rexistrado xa no primeiro semestre do ano e nos meses do verán. De feito, as cifras reflicten un crecemento en todos os segmentos do mercado, ao rexistrárense alzas tanto no turismo interno (+4,1%), como no turismo nacional (+3,2%), e destacando especialmente o incremento do 15,7% no turismo internacional. Precisamente, os visitantes estranxeiros realizaron máis de 323.000 pernoitas nos hoteis galegos, a cifra máis elevada da serie histórica nun mes de setembro.

No que respecta á estadía media, mantense estable na nosa Comunidade, mentres que o nivel de ocupación hoteleira medra por sétimo ano consecutivo nun mes de setembro, cun alza do 3,44%, acadando tamén un máximo histórico.

Crecemento en todas provincias e mellora da calidade

A nivel territorial, todas as provincias rexistraron un comportamento positivo da súa demanda hoteleira, en particular as localizadas no norte. Así, o incremento foi dun 8,9% na Coruña, dun 8,3% en Lugo, dun 5,7% en Ourense e dun 5% en Pontevedra.

Os datos do INE amosan tamén unha mellora noutros indicadores de calidade. Deste xeito, a rendibilidade hoteleira creceu un 11,2% e as tarifas hoteleiras melloraron na nosa Comunidade por sexto ano consecutivo, ao rexistrar unha suba dun 3,8%, a cifra máis elevada da década.
R.