Skip to main content

A Cidade da Cultura ofrece un cento de actividades para este 'Verán no Gaiás', que ten como novidade dous campamentos urbanos no museo

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, programa para este Verán no Gaiás un cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, acampadas, arte, obradoiros de artesanía, astronomía ou circo. A programación de estío da Cidade da Cultura para este ano ten como novidade a celebración de dous campamentos urbanos para a cativada ao redor das exposicións actuais do Museo Gaiás -Valor e mestría e Pensar coas mans- á vez que abre as portas a accións encadradas na programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, a residencia de creadores emerxentes Encontro de Artistas Novos e as intervencións artísticas Reb/veladas na paisaxe terán pegada e perspectiva xacobea nas súas respectivas edicións.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe -xunto á directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez- a programación de Verán no Gaiás, da que salientou o “incremento nun 40 por cento” con respecto ao ano pasado do número de actividades, das que gabou a súa “calidade” e a súa aposta por “unha oferta de lecer baseada na cultura e non no mero entretemento”. Debido a este aumento da programación, apuntou que se prevé superar os 50.000 participantes da edición anterior.

Campamentos urbanos ao redor das exposicións

Nesta liña inscribiu os “novidosos” campamentos urbanos para a cativada, que se celebran do 8 ao 19 de xullo no Museo Centro Gaiás e ao redor das exposicións Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia -que ata finais de xuño continúa coas demostracións e obradoiros de artesanía para toda a familias nas fins de semana- e Valor e mestría. Galicia como fútbol.

Anxo M. Lorenzo explicou que a incorporación destes dous campamentos urbanos responde a ampliar a oferta para a rapazada que permita conciliar en época non lectiva, “á vez que dá resposta a estas familias que queren proxectos que non se baseen no mero entretemento, senón vinculados coa cultura e que estimulen a creatividade”.

Programación Xacobeo 2021

Na súa intervención, o director xeral de Políticas Culturais tamén destacou o feito de que esta edición de Verán no Gaiás xa inclúe actividades enxeridas na programación do Xacobeo 2021. Trátanse da residencia de creadores emerxentes Encontro de Artistas Novos (EAN) -que se celebra na Cidade da Cultura do 25 ao 29 de agosto- e do ciclo de intervencións artísticas na contorna natural Reb/veladas na paisaxe, que se inaugura o 19 de setembro e co que se pecha a programación de estío, á vez que serve de ponte coa nova de outono.

Deste xeito, o ciclo Reb/veladas na paisaxe 2019 explorará a relación do Gaiás co Camiño de Santiago a través da chegada da vía da prata pola calzada do Sar, que discorre paralela ao monte Gaiás. Neste contexto as tres intervencións propostas -con tres comisarias e tres artistas tamén mulleres- estarán localizadas na faldra oeste do Bosque de Galicia e procurarán o diálogo físico e visual co Camiño de Santiago e coa cidade histórica, meta e destino da peregrinación.

A convocatoria artística do IX EAN tamén está incorporada na programación do Xacobeo 21, xa que parte dos proxectos presentados profundan na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago. Tírase proveito da localización no cumio das faldras do Sar das Torres de Hejduk -protagonistas do Concurso de Intervencións Artísticas que se fai cada edición no Encontro de Artistas Novos- e vencello visual directo destas instalacións co Camiño da Prata e coa catedral de Santiago.

Os Resentidos abren ‘Verán no Gaiás’

Verán no Gaiás arrancará co concerto de Os Resentidos este mesmo venres, día 21, para celebrar o Día da Música. A mítica banda galega dará un concerto de balde, a partir das 21 horas, na Praza Central do Gaiás, onde soarán hits e himnos de varias xeracións como Fai un sol de carallo, Sector naval ou Economía sumerxida.

A programación de estío terá continuidade musical os días 28, 29 e 30 de xuño coas actuacións de 500 instrumentistas procedentes de bandas de música de toda Galicia, que se darán cita na segunda edición do Serán’02. Este encontro de cultura popular conseguiu o pasado ano congregar máis de 7.000 persoas no Gaiás.

‘Atardecer no Gaiás’, a banda sonora do verán

A música ten un peso moi importante en Verán no Gaiás, onde Atardecer no Gaiás volve ser o seu prato estrela. Por este motivo, a presentación da programación contou cunha pequena actuación, en formato acústico, de Laura Lamontagne. Esta actriz, compositora e intérprete de Lugo actuará nun dos 20 concertos deste ciclo de balde, ao aire libre e ao solpor.

Do 4 de xullo ao 18 de agosto e todos os xoves, venres e sábado -a excepción do 25 de xullo- subiranse ao escenario Alhambra da Praza Central do Gaiás sete grupos galegos, entre os que están Agoraphobia ou De Vacas; nove nacionais, como Cecilia Krull, compositora e intérprete do tema estrela de ‘La casa de papel’, ou Las Migas, formación na que cantou Silvia Pérez Cruz; e catro internacionais como Kumbia Boruka, de México ou Labaq, do Brasil.

A banda sonora do verán que conforman as actuacións deste ciclo volve amosar un repertorio ecléctico en estilos -cumbia, trap, hip hop, pop, rock, indie ou reggae- e unha forte presenza e aposta, un ano máis, polas voces femininas; desde as que contan xa cunha carreira consolidada como a colombiana Miss Boliva ata artistas e formacións novas e emerxentes como a mesma Laura Lamontagne ou as arxentinas Kumbia Queers.

As actuacións musicais deste Verán no Gaiás completaranse co III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, o 14 de xullo. Trátase dunha cita que reúne desde hai catro anos a bandas de toda Galicia, que rematan sempre este encontro cunha interpretación conxunta do Himno galego na Praza Central do Gaiás.

Actividades familiares en contacto coa natureza

Ademais da música, Verán no Gaiás caracterízase por unha ampla e variada oferta de actividades familiares e en contacto coa natureza, que completa esa demanda dunha programación estival para os rapaces e rapazas que equilibre lecer e cultura. Así, todos o venres de xullo, a cativada contará coa acampada de Unha noite no Bosque para coñecer os espazos verdes do Gaiás e tomar consciencia da importancia do patrimonio ambiental.

Camiño ao Gaiás e as Visitas Astronómicas completarán esa oferta pensada para toda a familia en contacto co natureza, tanto para a descuberta de novas rutas para subir á Cidade da Cultura desde o casco histórico compostelán, como para deixarse marabillar polos segredos das estrelas e planetas do ceo nocturno do verán.

Os imprescindibles da programación familiar do Verán no Gaiás complétanse con Cidade Imaxinaria, festival pensado para toda a familia moi vencellado a espectáculos circenses, que neste 2019 terá lugar o sábado 24 de agosto, e a exposición interactiva e de enxeño Ludantia, no Museo Gaiás, a partir do 12 de setembro.

Lecer vencellado á arte

Ademais das dúas exposicións do Museo Centro Gaiás, a arte está moi presente este verán nas Torres Hejduk. A instalación artística actual Plástico a mareas, de María José Arceo, terá relevo o 29 de agosto por Stay Here, de Alejandro Ginés, artista gañador do VI Concurso de Intervencións neste espazo, convocatoria enmarcada dentro do Encontro de Artistas Novos.

Ademais, durante os meses de agosto e setembro, a exposición de artesanía Pensar coas mans será a protagonista de As Nocturnas, visitas comentadas ás 21,00 horas (fóra do horario habitual do Museo Centro Gaiás) para grupos reducidos e que rematan sempre cunha conversa pausada ao redor dun viño, petiscos e música DJ.

Colaboracións na programación

Verán no Gaiás lévase a cabo grazas á colaboración e ao patrocinio de varias entidades como a Fundación Banco Sabadell, Inaem, Cervezas Alhambra, Viaqua, Fundación USC Deportiva ou Observatorio Astronómico Ramón María Aller, cuxos representantes arrouparon hoxe a presentación da programación no Parque do Lago.
R.