Skip to main content

Feijóo defende reforzar o Corredor ferroviario ao Noroeste cos investimentos necesarios para unha España equilibrada

Feijóo sinalou, ademais, que esta última actuación é especialmente relevante para que a Unión Europea poida decidir favorablemente a incorporación da liña Vigo-Porto ao corredor. Algo fundamental para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, onde viven case 6 millóns e medio de cidadáns europeos e onde se xera un importante intercambio de mercadorías –máis de 3.100 millóns de euros en exportacións e máis de 1.800 millóns en importacións-.

“Non estamos solicitando nada en contra de ninguén, senón a favor de todos”, dixo, incidindo en que unha España mellor vertebrada no Noroeste e mellor vertebrada cara a Portugal é unha España mellor, “máis forte”.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recordou que detrás do Corredor Atlántico está a reclamación de toda a sociedade que o recorre. “A defensa dun transporte ferroviario de mercadorías fiable e competitivo para os nosos portos e as nosas plataformas loxísticas foi un traballo común das tres administracións, pero sobre todo dos axentes sociais de Galicia, Asturias e Castela e León”, dixo, sostendo que este corredor que, grazas á firme resolución institucional, inclúe o Noroeste de España, non ten afiliación política porque “pertence á Política con maiúsculas”.

Nesta liña, aseverou que as tres comunidades seguirán traballando conxuntamente para lograr que a entrada do noroeste peninsular no Corredor atlántico de mercadorías sexa algo máis que un trazo nos mapas. É dicir, lograr aproveitar as novas oportunidades de financiamento que se abren para que a inclusión teña como consecuencia concreta investimentos na rede de mercadorías co fin de que se dote dos requisitos de calidade que son propios dun corredor.

“E por iso, o que nos propoñemos agora é traballar para que o plan de actuacións plantexado a semana pasada polo actual Executivo estatal sexa completo e atenda as prioridades para a competitividade das nosas industrias e dos nosos portos”, dixo, precisando que fóra do plan de Fomento hai investimentos que deberían incorporarse.

Ao respecto, subliñou que, mentres as tres comunidades cifraron en 3.100 millóns os novos investimentos necesarios de forma específica para o trazado noroeste do Corredor Atlántico, neste momento só figuran menos da metade (1.286 millóns).

A hora, o ano, a década e o século do Noroeste

O presidente da Xunta insistiu en que tería sido demoledor que o Noroeste de España quedase descolgado da planificación europea, como se plantexou nun principio. “Demoledor para os nosos intereses esquecer un territorio comercialmente estratéxico para España por ser o extremo occidental do continente, polo que chegan a Europa os maiores barcos procedentes de América e África, con sete portos de interese xeral do Estado e novas plataformas loxísticas en marcha”, explicou, asegurando que o conxunto de España non pode avanzar sen que o faga todo o territorio de forma máis ou menos homoxénea.

O presidente da Xunta avogou, deste xeito por que non só sexa “a hora do Noroeste”. “Esperamos que sexa o ano, a década e o século, e que España avance de forma sólida e completamente polo Atlántico e polo Mediterráneo. É posible e é necesario”, incidiu.

Sobre esta mesma idea, expresou o desexo de que este encontro sirva para estender a outros asuntos a idea da España equilibrada. “Tanto no financiamento autonómico como no tratamento do problema demográfico debe sonar con forza a hora do noroeste”, sentenciou.

Máis alá da reivindicación de infraestruturas e investimentos que son vitais para as tres comunidades e para o conxunto de España, o presidente do Goberno galego destacou este encontro, tamén, como unha forma de rexeitar as liñas vermellas e reclamar os teléfonos vermellos.

“A política española precisa de moitos teléfonos vermellos que se descolguen precisamente para defender a España. Non deberíamos estar nunca fóra de cobertura ou co terminal apagado cando se trata de defender ao noso país ante desafíos que afectan á mesma esencia da nación, e por ende ao benestar dos cidadáns que nos outorgaron a súa confianza e a súa representación”, abundou.

Por outra banda, e fronte ás opinións que lamentan que a estrutura territorial debilitase ao Estado, Feijóo aseverou, pola contra, que o fortaleceu, como demostra o feito de que o independentismo desleal non só é insurrecto cotra a Constitución, senón así mesmo contra o propio Estatuto de Cataluña.

“Nada agradaría máis ao separatismo que ter enfronte un centralismo absoluto que confirmara a súa falacia de que España non pode albergar a diversidade”, dixo, incidindo en que quen desafían a unidade nacional tamén terán enfronte ás autonomías leais que axudan a preservar o equilibrio e a xustiza no Estado, ademais de permanecer vixilantes ante calquera privilexio.
R.