Skip to main content

O 27º FIOT de Carballo, exhibirá 41 espectáculos co reto de incorporar ao público ‘Millennial’

Grupos galegos, españois e internacionais, unidos polo denominador común de achegarlles perspectivas orixinais ás súas creacións para contribuír ao obxectivo declarado deste ano do FIOT: a captación do público máis mozo, dos millennials que neste 2018 acadan a maioría de idade.

Grandes figuras

O 27º FIOT comezará o 28 de setembro cos valencianos de La Trócola Circ e ofrecerá o día 30 unha función especial de Somos criminais, a proposta de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán que leva varios meses enchendo os teatros galegos. A programación de sala abrirá o 7 de outubro cunha das citas máis agardadas: a compañía madrileña La Tristura e o seu espectáculo Future Lovers. A continuación, durante todo o mes de outubro, algúns dos creadores que levarán as súas obras ao FIOT son Paco Becerra, Luis Luque, Borja Fernández, Marta Buchaca, Tito Asorey, María Hervás, Cándido Pazó, Yayo Cáceres, Pablo Remón, Álex Rigola, Fabrice Murgia, Iván Morales ou Alfredo Sanzol.

O festival levará a cabo novas entregas das súas seccións habituais, como Rúa dos Contos, Escola do Espectador, Fiotiño, Zoom FIOT, Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), ou Café con..., ademais de convocar o II Certame de Microteatro Metro Cadrado e de inaugurar nesta ocasión o apartado FiotTEEN dedicado a adolescentes. Ademais, entregaralle o seu premio Xograr de Outono 2018 ao director e dramaturgo galego Manuel Lourenzo.

Agadic

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou no acto, que contou coa actuación do alumnado da Aula de Teatro Municipal e no que tamén interviñeron o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT, o alcalde de Carballo e demais representantes do resto de institucións e entidades colaboradoras.

Sutil lembrou que o festival carballés é unha das oito citas escénicas de carácter profesional subvencionadas en 2018 pola Consellería de Cultura e Educación, a través da devandita liña específica de axudas, pola que obtivo unha achega de 50.000 euros.

Conectar coa xuventude

Referiuse así mesmo á “incontestable variedade e calidade” do 27º FIOT e cualificou de “moi pertinente” a necesidade de involucrar á mocidade na escena ao vivo, “un obxectivo que pasa necesariamente por conectar a xuventude co teatro a través de novos formatos e novos xeitos de comunicación polos que esta arte milenaria e os seus temas universais sigan a resultar atractivos para os novos adultos do século XXI”, declarou.

Enumerou tamén algunhas iniciativas que xa veñen contribuíndo na procura de públicos e nas que o FIOT foi pioneiro: a coprodución de proxectos, o tratamento das novas tendencias e linguaxes escénicas, a inclusión de funcións teatrais en lugares públicos non convencionais ou a aposta pola formación de espectadores e espectadoras con criterio.

R.