Skip to main content

Preséntase na Casa de Galicia en Madrid: Orinoco, viaxe a un mundo perdido

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou na Casa de Galicia en Madrid a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, unha das mostras de arte étnica latinoamericana máis importantes do mundo, actualmente en exposición no Museo Centro Gaiás e onde se poderá visitar ata o 12 de xaneiro de 2014.

A presentación enmárcase nas accións de promoción fóra de Galicia da programación da Cidade da Cultura, convidando neste caso a que se aproveiten os últimos tres meses da mostra para viaxar a Santiago e coñecer unha colección que se exhibe por primeira vez en España e Portugal.

Pertencente á prestixiosa Fundación Cisneros de Venezuela, a exposición reúne 1.135 pezas que achegan aos visitantes ao hábitat e a forma de vida dos pobos do Alto Orinoco. A mostra chega a Galicia de despois de percorrer algunhas das institucións culturais máis importantes de Europa durante os últimos trece anos e recibir sete millóns de visitantes.

No acto, o responsable de Cultura e Educación estivo acompañado pola fundadora da Fundación Cisneros, Patricia Phelps de Cisneros; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o presidente do padroado da Fundación Gaiás, Juan Manuel Urgoiti; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.

Na súa intervención, Vázquez Abad subliñou a excepcional acollida que está a ter Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, que xa foi visitada por máis de 26.000 persoas dende a súa inauguración o pasado mes de maio. Un éxito ao que contribúe ademais o completo abano de actividades que se están a desenvolver ao seu redor, entre as que destacou o programa de visitas didácticas, as visitas Aventura no Amazonas dirixidas a público familiar, o ciclo Orinoco en danza, en colaboración co Centro Coreográfico Galego ou o ciclo de conferencias Descubre o Orinoco con…, co que se pretende pór en valor aspectos concretos, como a artesanía ou a diversidade medioambiental deste territorio.

Museo Centro Gaiás: punto de promoción de Latinoamérica

O conselleiro de Cultura e Educación mostroulle o total agradecemento aos responsables da Fundación Cisneros: Patricia Phelps e o seu marido Gustavo A. Cisneros, que non dubidaron en apostar por un museo que está a dar os seus primeiros pasos e ver nel as enormes posibilidades que ofrece ata o punto de convertilo no espazo no que promover en España a cultura latinoamericana.

Por este motivo, Vázquez convidou a “desfrutar dos obxectos e imaxes que se reúnen agora no Museo Centro Gaías, a gozar da súa arquitectura e a comprender un pouco mellor o que significan Compostela e Galicia neste tempo, que busca un futuro de calidade para todos”.

O conselleiro de Cultura destacou que o gran valor da exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido “en especial o seu gran valor didáctico, por unha parte a autenticidade destes vestixios, chegados dun dos países cos que mantivemos maiores intercambios desde Galicia, traídos dunha Venezuela que nos ofreceu un campo xeneroso para desenvovler proxectos e darlle prosperidade á nosa terra; por outra, o modelo para a nosa infancia e mocidade do que se pode conseguir con entrega, sabedoría e afán de descubrir o marabilloso máis aló do evidente na vida cotiá”. Ademais salientou que a mostra conta tamén cun complemento marcado “pola nosa propia tradición fluvial e as formas nas que convivimos coas augas do noso territorio. Unha resposta que fala en favor do intercambio, da convivencia e o benestar común, coa aceptación do diferente como base para un mundo que desexamos mellor”.

Viaxe ao mundo perdido

Esta mostra convida a aventurarse nunha das rexións máis salvaxes, inaccesibles e máxicas do planeta para descubrir a vida e a cultura das doce etnias que habitan a conca do terceiro río máis caudaloso da terra, o mesmo que fascinou a escritores como Julio Verne, Arthur Conan Doyle e a científicos como Alexander Humboldt.

O visitante introdúcese na selva amazónica, un percorrido por sendeiros cheos de mitos, maxia e sortilexios, a través das 1.135 pezas das tribus De’áruwa (Piaroa), Ye’kuana, Yanomami, Híwi (Guahibo), E’ñepa (Panare), Wakuénai (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekena, Tsase (Píapoco) e Hoti; recompiladas durante máis de trinta anos de exploracións da familia Cisneros ao corazón da selva venezolana.

Un percorrido que se completa con música cerimonial de catro das etnias do Orinoco e 120 impactantes fotografías das coleccións de Edgardo González Niño e Charles Brewer-Carías. Ao discurso expositivo engádense cinco pezas documentais e unha sección multimedia a través da web www.orinoco.org, un novidoso website educativo con importantes recursos visuais e didácticos.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia