O plan Turgalicia 2011 fortalecerá a Marca Turística
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/programa_turgalicia_2011.jpg)
Na súa intervención, o conselleiro Roberto Varela lembrou que o turismo representa “un dos sectores produtivos máis dinámicos da economía do noso territorio, cunha actividade que xa supera o 10 por cento do Produto Interior Bruto de Galicia e que xera unhas cifras de emprego que teñen unha importancia fundamental para a nosa comunidade”. Ao fío destes datos, o conselleiro valorou o turismo de Galicia como “un dos motores estratéxicos da nosa economía”.
Para o conselleiro de Cultura e Turismo, o éxito acadado en 2010 “obríganos a non baixar a garda e manter o posicionamento turístico que conseguimos”. Deste xeito, definiuse para 2011 “un programa de actuacións moi racionalizado e integral, fomentando a promoción do turismo de Galicia”. Roberto Varela amosou a súa confianza “no éxito da comercialización do noso turismo a través da primeira Marca Turística galega, como elemento aglutinador dos distintos elementos que conforman esta actividade tan dinámica e que está a dar os primeiros pasos firmes e seguros”. O conselleiro destacou tamén os “novos reclamos” como a Cidade da Cultura de Galicia “que está a atraer a milleiros de visitantes semana tras semana” ou o Oitavo Centenario da consagración da Catedral de Santiago que servirá “para manter vivo e darlle un novo pulo ao espírito do Xacobeo 2010”.
Eixos do Plan de Actuacións
A secretaria xeral para o Turismo explicou en detalle o contido do Plan de Actuacións do Turismo de Galicia para 2011. Na súa presentación fixo un repaso polos proxectos desenvolvidos dende Turgalicia no 2010, recalcando os éxitos acadados e a continuidade dos mesmos neste 2011, sobre todo tendo en conta que Galicia xa conta coa súa Primeira Marca Turística. O programa de actuacións conta con catro eixos fundamentais, que obedecen a outros tantos obxectivos estratéxicos, dos que penden quince liñas ou obxectivos operativos e cerca de 40 iniciativas ou actuacións nas que se recollen todas as actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2011 pola Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia.
O primeiro trátase da construción de notoriedade de imaxe de marca, unha construción artellada, segundo Carmen Pardo, “para crear expectación e presentar a marca do turismo, dar visibilidade e transmitir os valores da nova marca, implicar aos principais creadores de opinión e organizacións empresariais e promover a vinculación de canles de intermediación”. Consolidar a presencia da Marca Galicia no panorama internacional e implicar aos creadores de opinión e organizacións empresariais son tamén obxectivos deste eixo.
En segundo lugar destaca o fomento do descubrimento de Galicia, con liñas específicas nas que se potenciarán os aspectos culturais da comunidade, enriquecendo e personalizando a oferta turística actual e mellorando a experiencia de visita do turista internacional, así como enriquecendo e personalizando a oferta turística actual con iniciativas como a Rede de Centros BTT (Bicicleta Todo Terreo) de Galicia, o turismo ornitolóxico, as rutas dos viños, etc.
O terceiro eixo céntrase na fidelización dos clientes, o contact center ou a aposta pola calidade son iniciativas para traballar neste sentido. O cuarto eixo fundamental do plan de actuacións persegue a redución paulatina da estacionalidade a través de medidas como facilitar o acceso á oferta turística de Galicia fóra de tempada, potenciar os eventos e reforzando as motivacións do excursionista ou comercializando con programas como o Vive Galicia 2011.
Centro Superior de Hostelería de Galicia e Instituto de Estudos Turísticos
Por outra banda, na presentación do plan fíxose fincapé nas liñas de traballo que se levarán adiante en 2011 dende o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia. No que atinxe ao CSHG, contémplase este ano a creación dun máster hoteleiro e a redefinición dos seus títulos para adaptalos ao EEES. Ademais, o CSHG e acometerá un proceso de internacionalización para impartir un título de Bachelor transcontinental, colaborará con organismos internacionais que promovan a gastronomía galega a través do ICEX e desenvolverá cursos de verán para estranxeiros para promocionar o idioma e a gastronomía. Destaca tamén a súa labor de consultoría para o asesoramento da posta en marcha dun centro en Extremadura.
A respecto do IET, resalta a creación e posta en marcha do Observatorio Turístico e a ampliación das súas funcións e do volume de recompilación de datos estatísticos. A investigación e innovación a través da implantación do software de xestión hoteleira así como a súa función formativa para o sector, tamén foi un punto destacado.
Liñas de traballo
A Secretaría Xeral para o Turismo centra en oito puntos o traballo a desenvolver en 2011: desenvolvemento normativo, ordes de subvencións, actividade inspectora, xeodestinos, proxectos europeos, plans de competitividade, sinalización turística e rehabilitación do patrimonio para fins turísticos.
Dentro do desenvolvemento normativo, a Secretaría Xeral para o Turismo aplicará medidas para a simplificación administrativa e o regulamento do Rexistro de Empresas e Acitividades Turísticas. Respecto ás ordes de subvencións, a filosofía da administración turística continuará a ser a de primar a calidade sobre a cantidade e se apostará por incidir na oferta complementaria. Sobre a actividade inspectora, Carmen Pardo destacou a maior produtividade da Administración neste eido e o maior volume da actividade informadora sobre a disciplinaria. A secretaria xeral destacou tamén a creación de 18 xeodestinos e a zonificación turística do territorio. Do mesmo xeito, impulsaranse os proxectos europeos nos que se traballa dende a Secretaría Xeral para o Turismo e dende Turgalicia así como os Plans de Competitividade. Nesta liña, incidirase nos labores de sinalización turística e nos investimentos na rehabilitación do patrimonio para fins turísticos.
Na súa análise do pasado exercicio, Carmen Pardo destacou os rexistros históricos alcanzados durante o Ano Santo 2010. Neste sentido, salientou as cifras de visitantes recibidos en Galicia, en total máis de 9,3 millóns; o incremento do 11,4% no número de viaxeiros aloxados en establecementos regrados respecto de 2009; e o incremento nun 9% nas pernoitas en comparación con ese mesmo período. Segundo a secretaria xeral trátanse duns “resultados excepcionais para Galicia” xa que nos sitúan como unha das comunidades autónomas españolas onde máis medrou o turismo, a segunda despois de Madrid”.
Do mesmo xeito, Carmen Pardo fixo fincapé nos datos sobre rendibilidade empresarial obtidos en 2010 pola nosa comunidade resaltando o bo comportamento do segmento hoteleiro de Galicia xa que foi a única comunidade na que se incrementaron os prezos hoteleiros en 2010. Segundo explicou, o 75% dos empresarios turísticos galegos percibiron un incremento das súas vendas. Os beneficios empresariais subiron para o 72,9% dos empresarios galegos mentres que no contexto nacional a suba quedou no 47%.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia