Skip to main content

ADEGA celebra a súa asemblea anual en Lugo Baixo o lema “Auga, fonte de vida”

Na asemblea volverá ter un protagonismo especial a catástrofe do Prestige, cuxos efectos persisten e fronte á cal ADEGA ten desenvolvido un intenso traballo de organización do voluntariado para a recolla de fuel, seguemento da situación no litoral, reivindicativo, informativo e educativo. No último ano tamén salientou o traballo de ADEGA na defensa dos ríos e dos montes, por un transporte sustentábel, no campo da educación e a información ambiental e na participación nas actividades contra a guera.

Alén de facer balanzo dun ano que supuxo un considerábel fortalecemento organizativo de ADEGA, a asemblea discutirá o programa de traballo para o próximo ano, no que seguen a ter relevancia as actividades relacionadas coa catástrofe do Prestige e no que tamén destacan as actividades propostas no campo da educación ambiental, os proxectos de autocompostaxe en diversas localidades e as accións relacionadas cos ríos, como a intensificación da loita contra os encoros que ameazan os nosos mellores tramos fluviais ou o Proxecto “Ríos Vivos”, que pretende implicar á cidadanía no coidado dos ríos mediante actividades de estudo da calidade das augas e do estado da fauna e a floa.

A asemblea rendirá nunha cea unha homenaxe a Manuel Soto Castiñeira, pola súa intensa e frutífera dedicación á asociación, primeiro como secretario xeral e despois como presidente até a asemblea xeral do ano pasado. Na actualidade, Manuel Soto é membro da comisión permanente de ADEGA, director da revista Cerna e coordinador de ADEGA-Caderns.

Xunto coa asemblea, están previstos diversos actos abertos ao público, que tamén terán lugar na Escola de Maxisterio e entre os que destacamos os seguinte:

-Conferencia “Universidade e medio ambiente”, por Xoán Carlos Carreira (Director da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago. Sábado 27, ás 13.30 h.

-Actuación do Mago Antón. Sábado 27 ás 19 h.

-Mesa redonda “O Miño e a auga”. Debate sobre a proposta do encoro de Narla. Domingo 28 ás 12 h.
Adega Galiza