O Museo Casa de la Troya poderá visitarse durante todo o verán, con percorridos pola pensión que recrea a vida universitaria de finais do XIX
O director do museo salienta que no que levamos de verán produciuse un lixeiro incremento no número de visitantes con respecto ás cifras do ano pasado. “No mes de agosto agardamos recibir, como xa é habitual nesta época, turistas procedentes de diferentes puntos de Galicia, do resto de España e tamén do estranxeiro, sobre todo de Europa e América” -apunta-.
O edificio funcionou como hospedaría de estudantes entre 1886 e 1906. A principios dos anos noventa do pasado século rehabilítase, acondiciónase e comeza a súa andaina como museo no ano 1993.
A Casa de la Troya está ambientada con mobles e útiles da época: a cociña coa súa lareira, o salón-comedor e o seu magnífico aparador, os dormitorios que aínda gardan traxes impolutos… A antiga corte dos cabalos está dedicada ás Tunas Universitarias, unha estancia na que se poden admirar diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías… da estudantina; ademais, mantéñense as peculiares escaleiras que facilitaban o paso dos cabalos, un dos poucos exemplos que aínda se conservan na cidade compostelá.
O museo custodia vellas fotografías, cadros e obxectos variados que pertenceron a algunhas das persoas reais que inspiraron os personaxes do libro; ademais dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela, de autores relacionados coa obra de Lugín e outros de temática compostelá.
Museo Casa de la Troya