Skip to main content

A vaga de calor vivida en xullo de 2022 só ten un precedente en 1990

Dende 1947, ano no que o Observatorio comeza a ter datos meteorolóxicos, a vaga de calor tan abafante como a sufrida este mes, só ten un precedente en 1990. Así, en 2022, rexistráronse 36º4, o día 9; 39º2, o día 12; 36º0, o 13 de xullo; e 39º3, o día 14. En 1990, o 18 de xullo chegouse aos 37º8; o 19, aos 38º5; o 20, aos 40º3; o 21, aos 35º5; e o 22, aos 35º8. Cómpre lembrar tamén os 39º7 alcanzados o 12 de agosto de 2003, segunda máxima histórica logo dos 40º3 do 20 de xullo de 1990.

No xullo actual, o día 14 tivo unha temperatura mínima de 23º0, o que supón un récord neste mes malia que o 20 de agosto de 1993, o termómetro non baixara dos 23º9. Por outra banda, a media das temperaturas máximas de xullo 2022 foi de 29º5, un dato que supera aos 28º5 do mesmo mes en 1990. “Se nos referimos só á decena central no mes deste ano, pasamos dos trinta graos de medias das máximas, todo un récord”, engade Docobo.

Precipitacións

En canto á chuvia, no xullo que remata medíronse en Santiago só 5,5 litros /m2. Porén, no mesmo mes en 2020, non chovera nada; en 1993, unicamente 0,9 l/m2; e no xullo de 2016, foran 1,2 l/m2. De feito, neste ano 2016 batérase un récord de seca no bimestre xullo-agosto cun total de 13,8 l/m2. No referente á insolación, as 334 horas nas que o Sol brillou sobre Compostela neste sétimo mes do ano só foron superadas por aquelas 352 do xullo de hai dous anos.

Atractivos astronómicos

As noites con este bo tempo estival poden aproveitarse para observar no ceo os planetas Venus (ao amencer), Xúpiter e Saturno, podéndose ver estes últimos xa a primeiras horas da noite a finais de agosto. Outros atractivos astronómicos do verán para contemplar a simple vista son o triángulo formado polas tres estrelas brillantes: Vega, Altair e Deneb, e a propia Vía Láctea, “sendo necesario estar en lugares co ceo ben escuro”, matiza Docobo. Cun pequeno telescopio, o programa de observación amplíase enormemente con obxectos tan interesantes como a nebulosa anelar en Lira, o cúmulo globular de Hércules, a estrela dobre Albireo, ou a dobre-dobre na Lira, entre outros.
Universidade de Santiago de Compostela