Skip to main content

Muse, C. Tangana e Rufus Wainwright actuarán en Vigo este verán

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves en rolda de prensa a data na que o grupo Muse actuará en Vigo dentro da programación do Xacobeo 21-22. Segundo explicou ante os medios de comunicación o trío británico estará o vindeiro 8 de setembro no Estadio de Balaídos para ofrecer unha das tres datas que ten reservadas en España.

“Hoxe podemos anunciar por fin a data do que probablemente será o mellor concerto do verán en Galicia. Será Muse, será en Vigo, será en Balaídos e será o 8 de setembro porque conseguimos que o alcalde rectificara ao verse acurralado polas súas mentiras”, afirmou a representante autonómica. Fernández-Tapias explicou que existe compromiso co Real Club Celta, concesionario do estadio, e tamén acordo coa produtora Zircozine, tal e como mantivo desde hai dez días pese ao “comportamento desleal e insultante” do alcalde da cidade.

A delegada lembrou que o alcalde leva “meses enredando” e negándose a que a cidade teña actuacións do Xacobeo. “Despois alegou que había obras en Balaídos, logo pediu o diñeiro para organizar el mesmo os concertos, negou tamén que tivésemos un acordo coa produtora, máis tarde dixo que ninguén presentara unha solicitude e ao final pedindo entrevistas para perder tempo, quedou clara cal era a súa estratexia”, afirmou.

Ademais, presentou tamén toda a programación de concertos do Xacobeo 21-22 na área metropolitana de Vigo. Así, explicou que na cidade tamén actuarán C. Tangana (23 de agosto no Porto de Vigo) e Rufus Wainwright (2 de xullo en Afundación). Ademais, haberá outros dous ciclos (Xacobeo Importa e Xacobeo Vigo) e dous festivais (Latitudes e Música Urbana) para conformar unha oferta que chegará ata os vinte concertos na cidade.

No que respecta á area metropolitana, haberá actuacións en Mos (Morat e Tanxugueiras), O Porriño (Taburete), Redondela (M-Clan), Tui (Xoel López), A Guarda (Beret), Soutomaior (Dani Fernández), Cangas (Roi Casal), Baiona (Andrés Suárez) e Oia (Tanxugueiras).

“E aínda quedan moitas cousas máis por anunciar, pero xa podemos dicir que estamos ante un ambicioso evento que converte a Vigo nun dos epicentros do Xacobeo”, apuntou Marta Fernández-Tapias.
Xunta de Galicia