Skip to main content

A intensidade das ondas de calor en España e Portugal aumentará un 104% ata 2050

Os cambios máis importantes apuntados nesta investigación, que acaba de publicar a revista internacional Atmospheric Research, prodúcense na rexión centro-leste, chegando ao 150% para a costa mediterránea e os Perineos. Detrás deste novo avance sobre o futuro climático están Nieves Lorenzo, investigadora do grupo EphysLab do CIM-UVIGO e Alejandro Díaz-Poso e Dominic Royé, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Os científicos tamén estiman unha maior extensión espacial das ondas de calor con tendencias do 6% ao 8% por década, o que suxire unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e implicacións para o risco de incendio.

O factor de exceso de calor

O artigo, titulado Heatwave intensity on the Iberian Peninsula: Future climate projections, nace da falta de análises da extensión espacial e da intensidade de ondas de calor no territorio peninsular. Segundo os seus autores, os eventos de ondas de calor pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial. Neste estudo galego aplícase por primeira vez o factor de exceso de calor (Excess Heat Factor, EHF), un parámetro desenvolvido por científicos australianos que incorpora directamente o aspecto de intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano. Outras investigacións anteriores xa demostraron que o EHF podería usarse para avaliar os efectos das ondas de calor na saúde a nivel da poboación (Royé et al. 2020).

O índice EHF é moi útil para detectar condicións de ondas de calor, o que o converte nunha ferramenta para contribuír á toma de decisións que minimiza os impactos negativos das ondas de calor na saúde pública ou noutros sectores susceptibles como a agricultura, a silvicultura ou a enerxía.

Ondas curtas máis intensas

As proxeccións apuntan que as áreas que mostran unha maior intensidade non coinciden con zonas onde os eventos de ondas de calor teñen unha maior duración. Tanto para os períodos 1971-2000 como para 2021-2050, as ondas de calor nas rexións montañosas e peninsulares occidentais caracterízanse por un EHF máis alto, pero unha duración máis curta que as da zona sueste peninsular e, en xeral, na costa mediterránea. A razón principal deste patrón espacial, subliñan os autores da publicación, radica no rápido transporte de masas de aire suaves dende o océano Atlántico cara ao oeste da península ibérica.

A extensión media das ondas de calor para o período 1971-2000 aumentou nun 1,71% por década, mentres que o incremento na extensión máxima é aínda maior, cun 4,3% por década. Espérase que esta tendencia continúe no futuro próximo, con aumentos que oscilen entre o 6% e o 8% por decenio para o valor de extensión máxima. Os resultados apuntan cara a un aumento significativo na intensidade, frecuencia, duración e extensión das ondas de calor na península ibérica para o século XXI.
Universidade de Vigo