Skip to main content

Un plan de seguridade sanitaria no eido turístico reforzará a confianza tras a crise do covid-19

O responsable de Cultura e Turismo da Xunta, que estivo acompañado da directora de Turismo, Nava Castro, subliñou que o futuro desta actividade --que representa o 10,4% do PIB galego e o 11% dos postos de traballo-- debe pasar por garantir a máxima seguridade e a saúde dos viaxeiros, facendo de Galicia un destino 100% seguro. Neste sentido, apostou por avanzar no deseño dun plan que contemple medidas sanitarias e de hixiene adaptadas ás diferentes actividades e que conte coa participación de todos os axentes implicados.

Galicia, destino fiable e de calidade

Do mesmo xeito, Román Rodríguez aproveitou a xuntanza para acordar a creación dun grupo de traballo que permita deseñar e consensuar unhas liñas de actuación comúns a todas as accións de promoción que se leven a cabo no eido turístico. O obxectivo desta proposta, concretou, é que as iniciativas impulsadas desde as distintas administracións compartan uns valores comúns, sen que ningunha delas perda a súa autonomía.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar desde as distintas entidades para impulsar Galicia como un destino fiable, de calidade e excelencia, centrado en valores como a seguridade, a tranquilidade ou a sustentabilidade, e potenciando atractivos como a natureza, o rural e a enogastronomía.

Planificar a saída das restricións

Segundo o representante autonómico, é fundamental apostar pola colaboración e a cooperación entre todos os axentes implicados na posta en marcha de medidas que permitan reactivar o sector tras a crise do coronavirus. Lembrou que a Xunta xa avanzou a posta en marcha dun plan de reactivación do sector cultural e turístico, cun investimento de máis de 25 millóns de euros, que incluirá accións de promoción, axudas directas ao sector ou a creación de produtos específicos.

Con todo, titular de Cultura e Turismo solicitou a implicación do Goberno central e demandou a posa en marcha de medidas que atendan ás particularidades deste sector. Entre elas, demandou a creación de ERTEs específicos para esta industria que teñan en conta a estacionalidade desta actividade e o feito de que, previsiblemente, este será un dos últimos sectores que poida operar con normalidade.

Tamén instou á activación dun fondo específico de ámbito estatal orientado ao mantemento e reactivación do turismo e solicitou que o Goberno teña especialmente presente esta actividade unha vez rematen as medidas de confinamento, permitindo que os distintos axentes poidan organizar de xeito ordenado a volta á normalidade.

Consello Galego de Turismo

Este organismo é un foro participativo dos axentes públicos e privados que desenvolven o seu traballo diario no eido do turismo ou en materias de clara incidencia neste sector clave para a economía galega. Entre as súas funcións figuran propoñer liñas de investigación e estudo sobre cuestións de interese para o turismo de Galicia, así como facer suxerencias ás Administracións públicas en canto á adecuación do sector á demanda turística e á realidade social, entre outras.

O Consello está constituído por membros das Consellerías de Cultura e Turismo, Economía, Emprego e Industria, Sanidade, Medio Rural, e Infraestruturas e Mobilidade, así como por representantes dos concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, representantes das universidades galegas, de sindicatos e de consumidores. Ademais, teñen representación neste foro as distintas ramas do sector turístico: establecementos hoteleiros, empresas de restauración, establecementos de turismo rural, axencias de viaxe e centrais de reserva, hoteis balneario e talaso, campamentos de turismo e guías turísticos. Cómpre destacar que nesta ocasión participaron como invitados as catro deputacións provinciais.
Consello Galego de Turismo