Lugo Cultural enche a cidade de vida e arte

A programación musical do Lugo Cultural concéntrase en gran medida nos ciclos ‘Músicas a Carón da Mosqueira’, que botará a andar este luns 10 de febreiro na Casa do Saber cun concerto de cámara a cargo do Cuarteto Óscar Esplá de Asisa. Os ciclos ‘Lubicán’, unha fiestra musical aberta aos novos creadores galegos e en galego, que ten fixada a súa primeira parada o 27 de febreiro, no Círculo das Artes de Lugo, o escenario no que WöYZA fará a presentación do seu último traballo ‘Tábula Rasa’; e ‘Na Calzada’, concibido como plataforma para dar a coñecer artistas noveis lugueses que están a formarse alén das murallas, completan este apartado musical.
O ciclo de cámara ‘Músicas a Carón da Mosqueira’ está estruturado este ano en seis concertos. Así, ademais da sesión apertura, de febreiro a maio tamén actuarán na Casa do Saber e no Círculo das Artes de Lugo Inés Moreno, Luis Alejandro García, o Coro Universidade de Santiago de Compostela, Trío Schola, ademais do dúo de voz e piano formado por Julia Portela Piñón e Harry Rylance. O cartel de ‘Na Calzada’ ofrece a posibilidade de gozar nos vindeiros meses do talento musical da pianista Aida Saco, Hit the Beat e a súa ‘Música entre amigos’, Silvia Ouro, Marta García e Álvaro Gay, así como das producións de Son de Corda.
O Lubicán mantén catro citas no calendario de 2020. Así, logo do concerto de WöYZA, MJ Pérez visitará en marzo o Círculo das Artes para presentar ‘A luz prendida’. Agoraphobia traerá en abril ‘Unaligned’ á Praza de Santa María, o mesmo escenario no que Best Boy pechará o Lubicán en maio.
O ‘Lubicán íntimo’ ofrece tamén a posibilidade de gozar de dúas novas citas musiciais na Casa do Saber, onde Pablo Sanmamed Trío presentará o 14 de febreiro ‘16/046’. Este mesmo espazo acubillará en marzo unha actuación de Rafa Martínez. María Roja e María Chiginskaya abren 13 de febreiro os ‘Xoves de Moda’, con ‘Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov’. ‘Plástica&Sonora. Diálogo entre a música e a creación escénica contemporánea’, a cargo de Marta Pazos e Hugo Torres; a gravación en directo de ‘Lume: Vello Cárcere’, a cargo de Telémaco, e a actuación ‘Colapso Jam’, de Lctrct Dj, completan o cartel.
O Festival de Teatro Universtiario, que se celebrará do 26 ao 31 de marzo, e no marco do que a compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Sergio Zearreta, presentá ‘Ubu Rei’; o Encontro de Danza, que terá lugar os días 27 e 28 de marzo no Vello Cárcere; unha nova edición do Curso de Primavera, o maratón cinematográfico ‘FindeCurta’ e o obradoiro de música experimental ‘Son Creativos’, son, ademais do Maratón Fortográfico, outros dos eventos integrados no Lugo Cultural. A programación de 2020 volve a apostar polo programa ‘Noite na Domus’, que inclúe visitas musicadas ao xacemento da Domus do Mitreo o 13 de marzo, 3 de abril e 15 de maio.
Unha vez debullada a programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural en 2020, Varela Zapata sinalou como novidades da oferta deste ano a renovación da imaxe que de sempre tivo o convenio Lugo Cultural, así como a crecente presenza de artistas femininas ou a vixencia da aposta por fusionar universidade e sociedade a través de eventos culturais no casco histórico lugués. A concelleira de Cultura do Concello de Lugo e vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Tareixa Ferreiro, salientou asemade que “a calidade e a diversidade das citas artísticas e culturais incluídas nesta edición do Lugo Cultural conforman unha axenda de entidade para atraer xente de fóra ata a cidade e incluso para que prolonguen a súa estadía en Lugo”.
Lugo Cultural