Skip to main content

Obradoiros infantís e concertos encherán o Tinglado de Vigo coas ONGS e o Belén da Catedral de Santiago como protagonistas do Nadal Solidario

Tras iniciar a montaxe a pasada semana, o Nadal Solidario da Xunta de Galicia presenta agora unha programación con preto dun centenar de actividades entre visitas, actuacións e obradoiros, co obxectivo de promover a solidariedade de todos aqueles que máis atención e compromiso necesitan nestas datas reflectidos nas ONGs, un dos eixes centrais.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade.

Nacemento da Catedral de Santiago

Un dos aspectos máis atrainte no interior do Tinglado será a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosará preto de 500 pezas articuladas. Asemade, haberá tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

Así, o apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis e do Colexio Montecastelo, a Coral Casablanca e os Bolechas. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.

Á decoración tradicional do Nadal sumaranse, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contarán actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fará demostracións de conservas e organizará talleres informativos e showcookings; e as 23 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Terán así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna e Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, o Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes poderán compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poboado de Nadal, Reis Magos e carrusel

Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, haberá disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completarán o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración será o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Haberá casetas para garapiñadas ou castañeiras tradicionais e un grupo de foodtruck, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana haberá concertos de grupos vigueses.

Tamén está prevista a visita das diferentes conselleiros que manterán encontros con membros de organizacións e colectivos das súas áreas correspondentes en Vigo. Cómpre lembrar que neste proxecto involucráronse varias consellerías da Xunta e a colaboración do Porto de Vigo.

Outras actividades

Lonxe das actividades propias no Tinglado e Praza da Estrela, incorpóranse a este nadal solidario e comprometido a Federación de Asociacións de Veciños, celebrando un día completo de actuacións de relacionadas con estas datas que será patrocinado pola Xunta de Galicia.

Tamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo. A Coral Casablanca, autora do proxecto, ofrecerá hoxe un concerto no Real Club Náutico de Vigo no marco deste Nadal Solidario.
Porto de Vigo