Skip to main content

A Veiga celebra esta fin de semana a sexta edición das xornadas Astrotrevinca "nun dos mellores catorce ceos do mundo"

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o alcalde da Veiga, Juan Anta, e o coordinador do programa, Óscar Blanco, participaron hoxe no Pazo provincial na presentación deste evento. Fernández afirmou na súa intervención que "falar de astronomía e de Pena Trevinca, o cumio máis alto de Galicia con 2.124 metros, é falar inevitablemente da Veiga, que nos ofrece un proxecto estrela para observar e coñecer as estrelas, ocupando un lugar destacado no ámbito da astronomía e nun segmento emerxente como o astroturismo".

Pola súa banda, o alcalde da Veiga, Juan Anta, sinalou que desde o concello estase a facer "unha aposta decidida polo turismo astronómico, dun modo didáctico, divertido e para achegar ao público un dos mellores catorce ceos do mundo", cun forte compromiso polo desenvolvemento do rural a través do turismo sostible. Aproveitou tamén o rexedor para recordar que no próximo mes de marzo está previsto que estea a pleno rendemento o observatorio astronómico, "como unha das ferramentas máis potentes do noroeste de España".

Anta non deixou de agradecer a colaboración da Deputación de Ourense nestas xornadas, así como o traballo realizado por Óscar Blanco e Pablo Canedo, como impulsores dos primeiros encontros no concello de afeccionados á astronomía, o labor desinteresado para conseguir en agosto de 2015 o certificado StarLight e, agora, as sucesivas edicións deste evento.
Óscar Blanco foi o encargado de explicar o contido das xornadas que se desenvolverán na Veiga, "como o mellor lugar do noroeste da península ibérica para observar as estrelas pola baixa contaminación lumínica, boas codicións climatolóxicas e a súa altitude". Así, apuntou a celebración de conferencias, a proxección dun documental americano sobre a importancia e as consecuencias da contaminación lumínica ou as observación nocturnas que terán lugar no miradoiro estelar das Tablillas, ademais dunha observación diurna doutra estrela indispensable para a vida, o sol, mediante telescopios especiais.
Deputación de Ourense