Skip to main content

A Xunta actualiza a normativa sobre as condicións hixiénicas e sanitarias das piscinas

O Consello da Xunta de Galicia aprobou esta mañá o Decreto polo que se regulan os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de Galicia. Deste xeito, adáptase a normativa estatal ás características do ámbito xeográfico galego, ademais de establecer os distintos aspectos técnicos e de seguridade para a protección dos usuarios e asignar as competencias das administracións públicas neste ámbito.

Coa aprobación desta normativa derógase o anterior Decreto 103/2005 do 6 de maio, polo que se establecía a regulamentación técnico-sanitaria das piscinas de uso colectivo. Entre as novidades deste decreto destaca a equiparación das piscinas das casas rurais e de agroturismo, así como as de colexios maiores e residencias, coas dos establecementos de aloxamento turístico en canto ás esixencias que deben cumprir.

Así, o titular deste tipo de piscina deberá facer controis de calidade de auga e aire e colocar de xeito visible para o público os últimos resultados destes controis, xunto co de situacións de incumprimento da normativa que se teñan producido na piscina. A esta información hai que engadir material divulgativo sobre prevención de afogamentos, traumatismos craneoencefálicos e lesións medulares e sobre protección solar no caso de que a piscina sexa ao aire libre.

Tamén ten que estar visible a información sobre as substancias químicas empregadas no tratamento da auga, a existencia ou non de socorrista, os enderezos e teléfonos de contacto de centros sanitarios e de emerxencias, así como os dereitos e deberes dos usuarios. Outra das novidades é a obriga de que o titular realice unha declaración responsable antes de entrada en funcionamento da piscina por primeira vez, tras a realización de obras de construción ou modificación e cando se produzan cambios nas circunstancias ou datos que declarara con anterioridade.

Tamén hai que comunicar o reinicio da actividade tras máis de dúas semanas de peche en pisicinas de uso continuo e a reapertura nas piscinas de uso descontinuo. Tras a entrada en vigor deste decreto, serán os concellos os responsables da inspección e vixilancia das piscinas unifamiliares e de comunidades de propietarios, deixando a Sanidade a vixilancia do cumprimento da lexislación en materia sanitaria das piscinas públicas e das piscinas privadas correspondentes a casas rurais ou de agroturismo, a colexios maiores, a residencias universitarias ou similares.

Ademais, o novo decreto prevé cambios en temas como as medidas de prevención efectiva dos riscos para a saúde asociados ás instalacións, o control da auga do vaso previo ao inicio da actividade ou o criterio para o cálculo da temperatura ambiente para piscinas cubertas con varios vasos cuxa auga está a distinta temperatura, entre outras novidades.
Xunta de Galicia