Skip to main content

O programa ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ comeza o vindeiro venres

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe a 12ª edición do programa ‘Outonos Gastronómicos en Turismo Rural’, que comezará o vindeiro venres, 14 de setembro, coa participación de 19 establecementos da provincia de Lugo.

Turismo de Galicia promove esta iniciativa na tempada outonal co obxecto de potenciar a oferta turística e reforzar este sector como piar fundamental da economía.

Balseiro, que estivo acompañado por varios representantes dos establecementos participantes, salientou que esta iniciativa que se desenvolverá ata o 16 de decembro contribuirá a afondar na liña de desestacionalización da demanda turística, que foi un dos retos fixados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento acordado entre a Xunta e o sector que recolle os compromisos, retos e as oportunidades neste eido

O ‘Outono Gastronómico’ trátase dunha exitosa proposta de turismo rural que combina restauración e aloxamento con modalidades e prezos moi atractivos. O delegado territorial explicou que os establecementos participantes ofertarán 38 menús diferentes deseñados expresamente con motivo desta cita, e que serán elaborados con produtos galegos de recoñecida calidade.

Ata catro modalidades para elixir

O Outono Gastronómico en Turismo Rural, con prezos moi competitivos, ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Estarán dispoñibles todas as fins de semana, agás ás do 12 ao 14 de outubro e 7 ao 9 de decembro:

- A oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

- Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 80 euros para unha persoa en cuarto individual.

- Outra das opcións é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 para unha persoa en cuarto individual.

- E se se quere compartir coa familia unha fin de semana, existe a Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo será de 300 euros.

O delegado destacou que, como en edicións anteriores, hai guías divulgativas á disposición do público, que poderán atoparse nos establecementos participantes e en edificios públicos, entre eles as oficinas de turismo. A información relativa a este programa está ademais dispoñible en internet, tanto na web turismo.gal como na páxina outonogastronomico2018.com.
Outono Gastronómico