Skip to main content

A segunda edición de #hotelforumcshg afonda nas oportunidades de investimento no sector hosteleiro

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acolle o martes 10 de abril a segunda edición de #HotelForumCSHG, o foro impulsado por Turismo de Galicia orientado a estudantes e profesionais do sector turístico no que se darán cita numerosos expertos de ámbito nacional e internacional para debater sobre as novas estratexias e oportunidades de investimento no negocio hosteleiro.

Baixo o título Estratexias e investimentos no novo paradigma hoteleiro, #HotelForumCSHG contará con prestixiosos profesionais de empresas punteiras como Alimarket, Accor ou Seggitur, entre outras. Tamén estarán presentes algúns antigos alumnos do CSHG que darán a súa visión desde a súa posición como actuais profesionais do sector turístico.

Esta segunda edición dará comezo o martes ás 9,45 horas no pavillón polideportivo do CSHG en Santiago de Compostela. Afondarase, primeiro, nas últimas tendencias da propiedade dos negocios hoteleiros, analizando a tendencia á concentración de cadeas e de afiliación de hoteleiros independentes a diversas marcas baixo múltiples fórmulas.

Será nunha mesa redonda presentada polo profesor de Aloxamento do CSHG, José Sánchez e moderada polo director de Alimarket, Casimiro Coello. Nela participarán o antigo alumno do centro e actual director do Hotel Blue Coruña, Álvaro Lens; o socio e director de Magma Hospitality Consulting, Albert Grau; o director de desenvolvemento de Accor en hoteis de España e Portugal, Jesús Seseña e o director do departamento de hoteis en Savills Aguirre Newman, Jorge Rosillo.

Innovación e emprendemento

A innovación e o emprendemento hoteleiro, así como as novas tipoloxías de aloxamento serán outros dos eixos nos que xirará o foro. Será cunha mesa redonda presentada polo xefe do departamento de Comercialización Hoteleira e Revenue Management do CSHG, Andrés Nieto, e moderada polo director de Relacións Institucionais e Tecnoloxía de Segittur, Víctor Badorrey Fernández-Pacheco. Nesta mesa participan Ignacio Jiménez Artacho, socio fundador de Hidden Away Hotels; Juanjo Bande, Airbnb host e consultor en Erentalsurvey; e os antigos alumnos do CSHG Gonzalo de la Mata Gurriarán, CEO Sleepn Hotels, e Jesús Rodríguez Maseda, director asociado de Horwath HTL España, Portugal e Andorra.

#HotelForumCSHG está dirixido profesionais, estudantes e interesados no sector turístico. A asistencia é gratuíta, previa inscrición na páxina web de Turismo de Galicia ou do Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia