Skip to main content

Preto de 30.000 persoas visitaron na Semana Santa a exposición Camelia de Galicia-Traxe galego, en Fonseca

Máis de 30.000 persoas visitaron durante a Semana Santa a exposición Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela. Esta proposta promocional organizada por Turismo de Galicia contribuíu a enriquecer a oferta dispoñible durante estas datas para os turistas e os propios veciños da capital de Galicia, dando a coñecer un recurso propio da Comunidade.

O público apoiou esta mostra, aberta durante as xornadas de Venres Santo e Sábado Santo, cunha constante afluencia de visitantes, que puideron achegarse á singularidade desta flor. A mostra cumpría a súa cuarta edición dunha maneira renovada, pois nesta ocasión rendeu homenaxe tamén ao traxe tradicional galego como complemento da propia camelia.

No claustro deste emblemático edificio mesturáronse máis de 200 variedades de camelia, con especies procedentes de ata 23 coleccións privadas. Xunto a elas, dispuxéronse pezas como mantóns, panos, zapatos, capelinas, dengues, San Cosmeiros ou cofias, entre outras. Instalouse unha orixinal posta en escena, para o que se contou co apoio de Artesanía de Galicia a través do obradoiro de confección de pezas do traxe tradicional galego Bulideira.

Esta mostra engádese ás numerosas iniciativas arredor desta flor impulsadas polo Goberno autonómico para a súa posta en valor. Entre elas destaca a Ruta da Camelia, que percorre 12 pazos e xardíns, catro deles distinguidos como Xardíns de Excelencia Internacional en Camelia, unha prestixiosa distinción que vén de ser outorgada ao Pazo da Saleta, en Meis e ao de Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, que xa tiñan o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e o Castelo de Soutomaior, situando a Galicia á cabeza neste tipo de distincións.

Expectativas promocionais superadas

Tamén onte rematou a campaña Viños e camelias, organizada durante todo o mes de marzo no mercado gourmet Lonja del Barranco de Sevilla. A falta de datos definitivos, as primeiras estimacións sinalan que se superaron os 70.000 visitantes. Deste xeito, mellora o impacto da anterior campaña, entón con máis de 11.000 persoas entre Bilbao e San Sebastián.

Con esta iniciativa na capital andaluza, durante unhas datas de gran afluencia de viaxeiros, a Xunta de Galicia promoveu a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e das adegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas, que estivo presente.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia