Skip to main content

A gastronomía galega reforza a súa proxección internacional co Grupo Nove

A alta gastronomía galega reforzará a súa proxección nacional e internacional coa intención de continuar posicionando a Galicia como un destino turístico de calidade que garante unha oferta segmentada e diferenciadora. Así se desprende do convenio de colaboración asinado entre Turismo de Galicia e o Grupo Nove, en virtude do cal se establecerán accións de promoción conxuntas de Galicia como destino turístico asociado á alta gastronomía e se apoiará a innovación turística.

Como explicou a directora de Turismo, Nava Castro, a gastronomía é unha das mellores cartas de presentación de Galicia como destino e o segundo motivo polo que os turistas deciden visitar a Comunidade galega. E é tamén un dos elementos que mellor permiten desestacionalizar o turismo.

Para manter este bo nivel e para contribuír a posicionar a Comunidade como destino, o convenio inclúe a posta en marcha dunha acción promocional de márketing dixital no mercado alemán, un mercado de especial interese para Galicia que, nos primeiros meses do ano foi o segundo mercado internacional que trouxo máis viaxeiros e, no que se refire ao Camiño de Santiago, é xa o primeiro mercado internacional en número de peregrinos, con máis de 13.000 no que vai de ano.

Innovación asociada ao turismo

Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia tamén dá resposta a un dos compromisos marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta transversal, participativa realizada man a man co sector, con 11 liñas estratéxicas e un orzamento de máis de 240 millóns de euros en catro anos, a través da que se está a traballar para que o turismo medre en Galicia de xeito sustentable e competitivo.

En virtude desta Estratexia, o convenio asinado apoiará tamén a innovación asociada ao turismo co impulso á creación dunha plataforma promocional dixital e multilingüe do Grupo Nove e tamén de edición de material promocional para favorecer a comercialización e xestión mediante ferramentas TIC.

Con este convenio Turismo de Galicia tamén afonda na colaboración público privada como unha das súas liñas de traballo, que permitirá promocionar conxuntamente a cultura gastronómica e “transmitir a idea de cociña galega moderna e de vangarda, de gran recoñecemento e prestixio, pero que segue mantendo un nexo de unión coa tradición”, explicou a directora de Turismo de Galicia.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia