Skip to main content

Preséntase a Guía do Camiño Inglés: valórase A Coruña como o principal porto da ruta Xacobea

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou a Guía do Camiño Inglés, un documento editado por Turismo da Coruña e que ten como finalidade poñer en valor a relevancia histórica da Coruña no Camiño de Santiago.

"Este extenso traballo fai un percorrido meticuloso pola historia do Camiño Inglés, unha ruta cunha enorme tradición e que demostra que A Coruña foi o principal porto de arribada dos peregrinos marítimos que chegaban fundamentalmente de Inglaterra, a quen lle debe o seu nome, pero tamén de Irlanda ou Islandia", explicou o concelleiro. "Á vez, moitos peregrinos, unha vez finalizado o Camiño, empregaron o porto coruñés para volver aos seus países de orixe en barco. A Coruña foi porto de chegada, pero tamén o principal punto de partida desta ruta", incidiu o responsable municipal.

"Dentro do plan de acción de Turismo de promoción e difusión do Camiño Inglés, esta guía e un dos principais puntos clave. Este Goberno aposta por dar a coñecer o seu patrimonio que, neste caso, forma ademais parte dunha cultura, a xacobea, que goza dunha proxección mundial", explicou Lema, quen avanzou que outra das medidas que o Executivo coruñés porá en marcha será promocionar os principais puntos do Camiño na Coruña coa instalación dunha sinalética específica, en colaboración coa Concellería de Mobilidade Sostible, "dentro das múltiples liñas de proxección turística polas que aposta este Goberno".

Ademais deste percorrido histórico, a Guía do Camiño Inglés na Coruña presenta os principais edificios do termo municipal vinculados á ruta, "e dá conta da abundancia de pegadas e testemuñas fidedignas relacionadas coa peregrinación e o mundo xacobeo que se atopan na nosa cidade", destacou Lema, entre as que se atopan, tal e como sinalou, "a rúa e a igrexa de Santiago, ou a Porta do Parrote, entre outras". Á vez, o documento inclúe un mapa que propón e sinaliza un roteiro polos principais inmobles e monumentos vencellados ao Camiño Inglés.

O concelleiro, que estivo acompañado por Lanzada Calatayud, xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, e por Manuel F. Rodríguez, xornalista experto no Camiño de Santiago e autor dos textos da guía, criticou que no ano no que a Administración autonómica pon o foco na promoción internacional do Camiño Inglés, "non teña interese en colaborar co Concello". "Unha vez máis, e aínda que este Concello foi proactivo á hora de buscar a colaboración, o Goberno da Xunta demostrou que non ten interese en traballar en común co executivo coruñés, a pesares do esforzo que se está a facer desde A Coruña para dar a coñecer e difundir esta ruta", aseverou.

A Guía do Camiño Inglés, que estará dispoñible nas próximas datas nas Oficinas de Turismo municipais, tamén contará, tal e como avanzou Calatayud, cunha edición en formato tríptico.
Gabinete de Comunicación do Concello de A Coruña