Skip to main content

Destacan a rehabilitación do Castelo de Pambre como unha obra patrimonio dos galegos para engrandecer os Camiños de Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á recuperación do Castelo de Pambre como unha “obra patrimonio de todos os galegos” que contribuirá a engrandecer os Camiños de Santiago. “Estamos ante o monumento máis representativo da comarca da Ulloa, un dos poucos exemplos de arquitectura militar da Idade Media que conservamos en Galicia”, aseverou, incidindo en que este tipo de actuacións reforzan o potencial do Camiño para que 2017 volva ser un ano récord de peregrinos como foi 2016 e para preparar o mellor Ano Santo Xacobeo 2021, “esperemos o mellor Ano Santo da historia”.

Durante unha visita ao castelo, Feijóo lembrou que a Xunta mercou en 2011 esta torre, coa finalidade de non deixar esmorecer un elemento tan importante do patrimonio da comunidade, iniciando un ambicioso proxecto de rehabilitación.

Máis polo miúdo precisou que, ademais da restauración dos muros do recinto fortificado, o traballo dos arqueólogos permitiu coñecer elementos da fortaleza como o alxibe ou varias tumbas anexas á capela máis antiga que o castelo. “E tamén se recuperou a calzada de pedra que levaba á entrada principal e se rehabilitou a zona residencial”, engadiu.

Así mesmo, destacou a creación dun Centro de interpretación que ofrece unha proxección multimedia, ilustra a importancia histórica deste edificio, ofrece un percorrido pola Idade Media en Galicia e repasa as vicisitudes polas que pasou o castelo.

Nese obxectivo de reforzar o potencial do Camiño, o presidente da Xunta referiuse a outras intervencións coma a rehabilitación e acondicionamento do pazo de Xelmírez, na compostelá praza do Obradoiro; á transformación do antigo asilo da rúa Carretas nun Centro internacional de acollida ao peregrino, tamén na capital galega; á rehabilitación da Casa Pasarín, no casco histórico da Fonsagrada, e á rehabilitación do Castelo de Monterrei.

Logo de visitar este castelo, Feijóo recorreu as instalacións de JIM Sports, unha das maiores empresas de España en venda de material deportivo, que exporta a máis de 30 países e que ampliou a súa presenza no parque empresarial de Palas de Rei, coa axuda do programa de bonificación de solo industrial da Xunta.

Feijóo reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando para impulsar concellos vivos e activos, non só a nivel económico senón tamén a nivel cultural e turístico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia